mércores, 21 de abril de 2021

Rematamos a zona dos composteiros!

Uns días antes das vacacións de Semana Santa tamén recibimos un novo composteiro (o cuarto) que solicitáramos facía uns cantos días a SOGAMA, para poder deixar a zona de compostaxe lista para os próximos cursos e non ter que volver a preocuparnos dela.



Despois de desempaquetalo trasladamos todas as pezas ata o horto e, unha vez alí, montámolo!




Ao principio a montaxe resultounos un pouco complicada porque as pezas estaban tortas e non encaixaban ben, pero unha vez endereitadas entendimos ben como se montaba e foi pan comido para nós!


Despois procedimos a rematar de fixar a tea antiherbas no chan e a cortar dous buratos nela, un para cada un dos novos composteiros, para que os produtos para compostar queden en contacto coa terra e os organismos descompoñedores poidan acceder facilmente ao interior deles.








Por último, esnaquizamos varias ramas e restos de poda que tiñamos gardadas e cubrimos todo o fondo dos dous composteiros, tal e como recomendaban as guías sobre compostaxe doméstica que limos.









E sabedes quen nos acompañou durante todo o proceso? Pois si, a gatiña, que aproveita calquera momento para buscar uns mimos! E nós encantadas e encantados, claro!








martes, 20 de abril de 2021

SOMOS UNHA MÁIS!

Sabedes que? Coas présas dos últimos días esquecéusenos por completo contarvos que xusto desde a semana anterior ás vacacións de Semana Santa somos unha máis na clase! Temos unha nova compañeira chamada Francisca!

E con motivo da súa chegada, decidimos sacar unha foto de grupo, que ainda non a sacáramos! Aínda que como podedes comprobar a continuación, a organización non é o noso...

De esquerda a dereita: (de pé) Jesús, Alejandro, Yoel, Adrián, Mohamed, Ángel, Elsa, Noa, Dani, Francisca, Noelia, Candela, (sentadas) Inés, Carla, Carlota e Julia.



luns, 19 de abril de 2021

TEMOS QUE PLANTAR XA!

Recordades que fai uns días vos preguntamos se criades que nos ía saír algunha planta dos semilleiros que botamos? Pois saíron, saíron, e mirade que ben saíron que con tanta auga, luz solar e calor incluso medraron máis do desexado e necesitan ser plantados xa, ou murcharán e dobrarán e non servirán para nada!

 



 





Temos que apurar a rematar de preparar o horto canto antes!



domingo, 18 de abril de 2021

(CASE) TODO SERVE!

Levamos un tempo sen aparecer por aquí por falta de tempo, pois estamos moi ocupados, pero aínda que non vos contemos as novidades con certa asiduidade nós seguimos traballando arreo! 


E sabedes que? Á nosa mestra Marta (case) todo canto material de desfeito hai lle serve para algo. Todo o mundo o sabe e en canto teñen algo xa llo dan a ela por se lle atopa utilidade. E se non llo dan e ela o ve, pídellelo! Pero o peor de todo é que agora nos contaxiou a todos... E mirade en que andamos! 


Vimos na entrada do cole un palet enorme con moitas caixas de folios e ocorréusenos unha grande idea: pintalos e convertelos en pequenos cubos de lixo para as clases, para que todas as nenas e nenos poidan separar o lixo e reciclar! 

E puxémonos mans á obra!





Levámolas para a aula de plástica (que máis ben parece un almacén xa...) e comezamos a pintar! 









Agora temos que vernizalas, pero xa queda menos para poder repartilas! 👏




E entre mentres, seguimos xuntando material de "refugallo" producido no comedor para reutilizar na aula!