sábado, 30 de xaneiro de 2021

OS VERDADEIROS PROTAGONISTAS!

Ao longo desta semana as Ecopatrullas tiveron un intenso traballo durante o tempo de recreo explicando e axudando ao alumnado de Primaria do centro a separar os residuos producidos coas merendas para despois podelos reciclar.

Aquí vos presentamos aos verdadeiros protagonistas deste movemento! 

Alejandro, Adrián e Carla

Inés, Ángel e Jesús

Candela, Noa e Yoel


Noelia, Dani e Carlota

Mohamed, Julia e Elsa (reincorporarase nos próximos días)


sábado, 23 de xaneiro de 2021

Comeza o traballo das Patrullas verdes!

Aínda que o mal tempo e as numerosas alertas por vento desta última semana nos complicaron un pouco as cousas, despois duns cantos imprevistos e uns cantos cambios de última hora... por fin comezou o traballo das EcoPatrullas nos recreos!


No recreo do mércores fixemos unha breve reunión para recordar todo o aprendido sobre a reciclaxe con Cristina, resolver dúbidas acerca de que residuos dos que abundan nas merendas de media mañá se depositan en cada contedor e preparar os colectores do lixo con bolsas para facilitar o posterior tratamento dos residuos recollidos.

Tal e como vedes na foto, só temos os máis comúns: o verde (residuos orgánicos), o amarelo (envases lixeiros) e o azul (papel e cartón). E diredes vós, entón o de cor negra? Pois o de cor negra é onde depositaremos todo aquilo que poida ir para o composteiro, que aínda non está instalado porque estamos de obras no horto da escola, a que non o sabiades? Pois si! Estámolo remodelando integramente! E estanos dando moito, moito, moito traballo, e tamén vamos con moito, moito, moito retraso. Máis ben estamos aínda empezando porque a choiva impediu que traballaramos máis da metades dos días...

Pero agora imos ao máis importante. Que credes que é o que sucede na recollida de lixo durante os recreos? Que tipo de residuos predominan? Hai diferenza entre uns e outros ou está a cousa igualada? Ao longo desta semana seguiremos recollendo datos fotográficos e revelarémosvos os resultados!



luns, 18 de xaneiro de 2021

E vós, tédelo claro?

O pasado venres recibimos a visita de Cristina, unha monitora de Sogama que nos deu unha charla sobre as 3R: Reducir, reutilizar e reciclar. 

Falounos das 3R e deunos trucos para reducir e reutilizar, aínda que fixo especial fincapé na reciclaxe porque é a temática na que se centra o Plan Proxecta Recíclate con Sogama no que participamos este curso 2020/2021.

Descubrimos unha morea de cousas que non sabiamos e aclaramos ideas sobre os distintos contedores do lixo e os residuos que debemos depositar en cada un deles, pois tiñamos bastantes dúbidas e decatámonos que ata o momento cometiamos algún que outro erro. 

Estivemos moi atentos e tomamos notas para recordarnos de todo. Pero..e vós, tédelo claro? Gustaríavos que vos expliquemos todo o que aprendemos?





sábado, 16 de xaneiro de 2021

Comezamos!

O pasado mes de decembro un transportista tróuxonos ao cole os 3 contedores (o amarelo, o verde e o azul) para comezar o programa de reciclaxe no centro e o composteiro para instalar no horto da escola e facer compost a partir de todos os residuos orgánicos de orixe vexetal que se xeran no comedor e dos restos de poda das zonas verdes da escola!


Nos vindeiros días irémosvos ensinando onde e como os colocamos!


luns, 11 de xaneiro de 2021

Benvid@s!

Ola a tod@s!

Como xa sabedes, fai unhas semanas o noso cole foi seleccionado para participar co grupo de 5º de Educación Primaria en dous programas do Plan Proxecta no curso 2020/2021: Recíclate con Sogama e Protexe os animais, proxectos que desde o centro titulamos Enredando coas 3R e Enredando na procura do benestar animal respectivamente.

Temos por diante uns meses de longo e emocionante traballo nos que o alumnado e o profesorado traballaremos con esmero.

Estade atentos porque vos iremos contando todas as novidades neste blog! Non o perdades!